Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta recibe 2 ofertas para executar as obras da senda na estrada AC-552 entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo, cun investimento de 150.000 euros


― A actuación permitirá habilitar unha senda que favorecerá a circulación a pé ao longo dun treito da vía autonómica coincidente cunha intersección, reformulando o cruce e habilitando o espazo para o encaixe do itinerario

― Esta intervención forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil na contorna, que xa conta en sentido Arteixo cun camiño para peóns paralelo á vía, e en sentido Pastoriza construirase, nunha actuación posterior, unha beiravía protexida

― A Xunta segue traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 2 ofertas de empresas para executar as obras dun treito de senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552, entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo.

A Xunta destinará un investimento de máis de 150.000 euros, incluíndo o pagamento dos predios necesarios, para a execución desta intervención de mellora da seguridade viaria e de promoción da mobilidade sustentable.
Mediante este contrato, definirase un treito de senda que posibilitará a circulación a pé ao longo desta vía autonómica, coa execución dun itinerario peonil continuo, o reforzo do firme da vía existente e outras actuacións de reforzo da seguridade viaria.
Máis en concreto, actuarase no treito da vía autonómica situado entre os puntos quilométricos 5+280 e 5+410, que coincide cunha intersección, reformulando a propia intersección para maior seguridade viaria e habilitando o espazo para o encaixe da senda.

Esta intervención da Xunta forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil entre Pastoriza e Vilarrodís. En sentido Arteixo hai un camiño paralelo á estrada, que a día de hoxe xa poden percorrer os peóns; e en sentido Pastoriza dotarase dunha beiravía protexida con balizas, que será obxecto dunha actuación posterior de mellora.

Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, a intervención comezará na travesía da Maceira, desde o punto quilométrico 5+280 ata o 5+330, onde se prevé executar unha senda de formigón de 2 metros de ancho, que irá separada do carril de vehículos mediante bordo. Para contar co espazo necesario para a senda, a vía actual ampliarase cara ao noiro existente na marxe dereita da AC-552, grazas a un novo muro de mampostería.

Os traballos céntranse despois no camiño existente no punto quilométrico 5+330 ata o 5+370, dando continuidade á sección anterior sobre un camiño actual de terra.

Despois actuarase no tramo da vía autonómica que vai do punto quilométrico 5+370 ata o 5+410, continuando co itinerario peonil proxectado. Este treito disporá dun ancho mínimo de 2 metros, que se ampliará ata os 3,5 metros para enlazar co itinerario proxectado cara a Pastoriza.

O departamento de Infraestruturas da Xunta tamén ten prevista a execución dun carril de aceleración desde o punto quilométrico 5+370, para a correcta incorporación á AC-552, separado da senda peonil mediante unha barreira de formigón.

A Xunta segue traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.